Detalles:
- Data: 19.07.2026
- Hora: 22.00 h. (ES)
- Localización: Alameda de Santo Domingo - Tui
- Entrada: 10€
O pianista e compositor Borja Niso presenta Ludovico Einaudi Esencial, un espectáculo emocionante e inmersivo inspirado na obra do célebre compositor italiano Ludovico Einaudi. A través dun directo delicado, intenso e profundamente evocador, Borja Niso propón unha viaxe sonora onde o piano se converte no fío condutor dunha experiencia capaz de conectar emoción, sensibilidade e beleza. Ademais, tamén interpretará temas propios.
O concerto contará ademais coa participación especial de Rosa Cedrón, unha das grandes voces de Galicia, que interpretará xunto a Borja algunhas das pezas máis emotivas da noite.
A velada completarase coa presenza de CaixaSon, un proxecto musical inclusivo formado por integrantes de asociacións de Galicia e do norte de Portugal, que unirán as súas voces co piano de Borja. Tamén estará presente un coro infantil de nenos e nenas de Tui.

Borja Niso
Nado en Madrid, este pianista e compositor autodidacta, cuxa historia de reinvención cautivou a máis de 90.000 espectadores en máis de 400 concertos, transforma emocións en música. A súa carreira comezou cunha homenaxe especial a Ludovico Einaudi, pero evolucionou rapidamente cara á composición de obras propias, como reflicten os seus discos Orígenes (2019), Horizontes (2021), Rhapsode (2023) e Evolution (2024). A súa música, cargada de dinamismo e emoción, xunto cos seus espectáculos inmersivos, consolidaron a Borja como un artista único, capaz de levar a experiencia musical a outro nivel.
ROSA CEDRÓN
Rosa Cedrón é unha das voces máis recoñecibles e persoais da música galega contemporánea. Cantante, violonchelista e compositora, ao longo de máis de tres décadas levou a música galega a escenarios de todo o mundo, combinando a forza da tradición coa sensibilidade dunha intérprete profundamente emocional. En 2024 foi nomeada académica de número da sección de Música da Real Academia Galega de Belas Artes, institución de referencia no ámbito artístico de Galicia.
CAIXASON + CORO INFANTIL
Nesta ocasión, o pianista madrileño e a cantante galega protagonizarán unha colaboración moi especial para o peche do festival, actuando xunto á agrupación inclusiva CaixaSon. Este proxecto, nacido no seo do festival en 2025, está integrado por persoas con diferentes discapacidades e persoas en situación de risco de exclusión social procedentes de catro entidades de ambos os dous lados da fronteira: APPACDM (Valença), Fundación Igual Arte (Vigo), San Xerome (A Guarda) e a Universidade Sénior de Valença.
Ademais, a agrupación inclusiva estará acompañada por un coro formado por nenos e nenas de entre 6 e 12 anos pertencentes aos centros educativos da cidade de Tui.