O IKFEM Festival Tui – Valença 2026 volve apostar polo talento emerxente coa segunda edición do concurso Novas Ondas Sonoras, unha iniciativa que se consolida tras o éxito da súa estrea o pasado ano. Naquela primeira edición, o grupo La MMarca alzouse co premio, e poderemos gozar da súa música na programación do IKFEM Festival Tui – Valença 2026, que se celebrará do 16 ao 19 de xullo.
Novas Ondas Sonoras ten como finalidade impulsar a mozos intérpretes da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, creando un espazo de encontro onde a música sirva como ponte entre ambos territorios e como plataforma de proxección para as novas xeracións. Este ano, o concurso volve contar co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Quen pode participar?
Poderán presentarse solistas ou grupos de ata seis integrantes, con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, residentes en Galicia ou na Rexión Norte de Portugal, e que estean matriculados nun centro educativo de música. Para participar, será necesario enviar un vídeo de ata 10 minutos co repertorio elixido.
Un xurado profesional seleccionará cinco finalistas, mentres que o sexto será elixido polo público a través das redes sociais do festival.
A gran final celebrarase no mes de outubro, onde os seis finalistas interpretarán as súas propostas en directo. O gañador recibirá un trofeo e un premio valorado en 1.000 €, que se materializa na inclusión no cartel oficial do IKFEM Festival Tui – Valença 2027.
A inscrición é gratuíta e poderá realizarse a través da páxina www.ikfem.com/gl/novasondassonoras, cubrindo o formulario correspondente entre o 29 de abril e o 21 de xuño.
Moita sorte a todos os participantes!
