Os Petiscos IKFEM levarán literatura, música e viño a Tomiño e Salvaterra como antesala da 14ª edición do festival

Os Petiscos IKFEM levarán literatura, música e viño a Tomiño e Salvaterra como antesala da 14ª edición do festival
Petiscos IKFEM Festival Tui - Valença

O IKFEM Festival Tui-Valença quenta motores para a súa 14ª edición coa posta en marcha dos Petiscos IKFEM, dúas propostas culturais que se celebrarán os días 20 e 27 de xuño en Tomiño e Salvaterra de Miño. Concibidas como un aperitivo do festival de verán, estas xornadas combinarán literatura, música en directo, patrimonio, viño e gastronomía en espazos singulares do Baixo Miño.

A programación reunirá dúas destacadas voces da literatura contemporánea. A poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024, participará o 20 de xuño nun encontro literario no Centro Goianés de Tomiño, mentres que a escritora Ángela Banzas, finalista do Premio Planeta 2025, protagonizará unha conversa aberta ao público o 27 de xuño na Fortaleza Dona Urraca de Salvaterra de Miño. Ambos os encontros serán de acceso gratuíto ata completar aforo.

A música terá tamén un papel destacado nesta proposta con dous concertos en espazos vinculados á paisaxe vitivinícola das Rías Baixas. A adega Altos de Torona acollerá o concerto de jazz do ML Quartet o 20 de xuño, mentres que a soprano Laura Molina ofrecerá unha actuación acompañada de piano o 27 de xuño na adega Fillaboa.

As experiencias musicais incluirán ademais unha visita guiada aos viñedos e unha cata comentada de viños, convertendo cada cita nunha oportunidade para descubrir o patrimonio, o territorio e a tradición vitivinícola do Baixo Miño a través da cultura. As entradas para estes concertos teñen un prezo de 20 euros e xa están dispoñibles na web de IKFEM e en Ataquilla.

Con esta iniciativa, IKFEM amplía a súa programación máis alá das datas habituais do festival e reforza a súa aposta polo encontro entre distintas disciplinas artísticas e o territorio que as acolle. Os Petiscos IKFEM servirán así de antesala á 14ª edición do festival, que se celebrará do 16 ao 19 de xullo na Eurocidade Tui-Valença.