O IKFEM Festival Tui-Valença volverá unir Galicia e Portugal a través da música, o patrimonio, a gastronomía e a creación contemporánea nunha nova edición que se celebrará do 16 ao 19 de xullo. A programación desenvolverase a ambos os dous lados da fronteira con propostas que reforzan o carácter transfronteirizo e cultural do festival.
A inauguración terá lugar o 16 de xullo na Alameda de Santo Domingo de Tui co concerto de Wöyza e emmy Curl. A artista galega presentará por primeira vez en directo o seu novo traballo, Valiosa, nun encontro musical que simboliza a conexión creativa entre España e Portugal. Un día despois, António Zambujo e Uxía compartirán escenario nas Cortinas de São Francisco de Valença, protagonizando unha das colaboracións máis destacadas desta edición.
O 18 de xullo, a Ponte Internacional Tui-Valença converterase na gran protagonista do festival coa celebración da Ponte Creativa e Enogastronómica, coincidindo co 140 aniversario desta infraestrutura histórica. Ao longo de toda a xornada, o espazo acollerá unha programación gratuíta con oito concertos de artistas emerxentes dos dous países, unha zona gastronómica e preto de trinta expositores vinculados á arte, á artesanía, ao deseño e aos produtos gastronómicos de proximidade.

A xornada de clausura, o 19 de xullo, comezará cun concerto conmemorativo polo 800 aniversario da Catedral de Tui, que reunirá á soprano tudense Elsa Roldán e ao organista David Maceira nunha proposta creada especialmente para esta edición. Esa mesma noite, o festival despedirase co espectáculo de Borja Niso e o seu recoñecido tributo a Ludovico Einaudi, acompañado por Rosa Cedrón, a agrupación inclusiva CaixaSon e o coro infantil de Tui.
A programación completarase con novas edicións de O Balcón de IKFEM, encontros gratuítos cos artistas participantes, así como coa segunda edición do Concurso Novas Ondas Sonoras, que mantén a aposta do festival polo talento emerxente. Ademais, os Petiscos IKFEM volverán anticipar o ambiente do festival os días 20 e 27 de xuño con dúas experiencias culturais que combinarán literatura, música, patrimonio e gastronomía da man de Ángela Banzas e Chus Pato.
