Sobre IKFEM

IKFEM Festival Tui-Valença é unha cita imprescindible coa música, a cultura e a creatividade para descubrir o rico patrimonio artístico que atesouran as dúas marxes do río Miño, entre España e Portugal, unidos por un ben cultural: a Ponte Internacional.

IKFEM nace cando se crea a Eurociudad Tui-Valença como iniciativa de ambas as cidades para promover o intercambio entre a cultura española e portuguesa. A pianista e xestora cultural Andrea González funda o festival no ano 2013 a través da asociación española sen ánimo de lucro Xuventudes Musicais de Tui, actualmente chamada Xuventudes Musicais Eixo Atlántico. En 2019 créase a asociación portuguesa sen ánimo de lucro Juventude Musical Eixo Atlântico, actuando como entidade instrumental do festival xunto á asociación española.

O obxectivo principal do festival é crear unha ponte de enriquecemento musical, cultural e creativo sen fronteiras.

Por unha banda, a Eurociudad Tui-Valença propicia o intercambio cultural pola súa natureza xeográfica transfronteiriza, pero tamén por ser unha porta ao Camiño de Santiago e recibir miles de peregrinos de todas partes do mundo cada ano. Doutra banda, musicalmente, IKFEM supera fronteiras estéticas fusionando un amplo abanico de estilos e xéneros. No festival pódese gozar da música clásica, pop, rock, jazz, barroca, medieval, tradicional ou electrónica, da man de artistas españois e portugueses, así como do exterior. Andrea González visionó esta unión de estilos musicais e gustos estéticos a través dun leitmotiv coa presenza de instrumentos de teclas en todos os concertos. De aquí provén o nome orixinal do festival IKFEM: International Keyboard Festival & Masterclass.

Os concertos realízanse nos espazos simbólicos das cidades de Tui e Valença como son o teatro, as igrexas, a catedral, a fortaleza, o paseo fluvial, aínda que a localización máis extraordinaria do festival é a ponte internacional que une os dous países. A Ponte Internacional de Tui-Valença é o escenario patrimonial por excelencia do festival IKFEM, é o punto de partida dun espazo artístico ata onde chegaron artistas como Agatha Ruiz de la Prada e Katty Xiomara, un concerto colectivo con 10 pianos a cargo de pianistas españois e portugueses e onde o público puido gozar ano tras ano do inesgotable talento creativo de ambos os países.