Petiscos IKFEM conclúe o seu percorrido no Baixo Miño

Petiscos IKFEM conclúe o seu percorrido no Baixo Miño

Petiscos IKFEM rematou a súa programación os días 20 e 27 de xuño con dúas xornadas culturais celebradas en Tomiño e Salvaterra de Miño. A iniciativa, organizada como antesala da 14.ª edición do IKFEM Festival Tui-Valença, reuniu literatura, música en directo e cultura do viño en distintos espazos do Baixo Miño, achegando a actividade do festival a novos escenarios antes da súa celebración en xullo.

A primeira cita tivo lugar en Tomiño, onde o Centro Goianés acolleu un encontro literario protagonizado pola poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024, en conversa coa escritora Oriana Méndez. A charla estivo acompañada de música instrumental e deu paso, xa pola tarde, ao concerto do ML Quartet na adega Altos de Torona. O cuarteto ofreceu un repertorio de jazz contemporáneo e, ao rematar a actuación, os asistentes participaron nunha cata de viños da adega.

 

A segunda xornada celebrouse en Salvaterra de Miño. A Fortaleza Dona Urraca foi o escenario do encontro entre a escritora Ángela Banzas, finalista do Premio Planeta 2025, e a xornalista Eva V. Lima, quen mantiveron unha conversa aberta arredor da literatura e do proceso creativo.

 

A programación continuou na adega Fillaboa, onde os asistentes realizaron unha visita guiada pola finca, os viñedos e a adega para coñecer a súa historia e o proceso de elaboración dos seus viños. A continuación, a soprano Laura Molina, acompañada ao piano por Paula López Atanet, ofreceu un concerto que puxo o peche musical á xornada antes da cata de viños coa que concluíu a experiencia.