O proxecto CaixaSon: Armonía Social – Música Inclusiva para a Cooperación Transfronteiriza e a Transformación Social foi recoñecido internacionalmente co Silver Award na categoría Inclusive Culture dos IAUD International Design Award 2026. A cerimonia oficial celebrouse o pasado 27 de febreiro de forma online, onde se anunciaron os gañadores de todas as categorías.
Este recoñecemento é un gran honor para CaixaSon, un proxecto que traspasou fronteiras, e reafirma a importancia de seguir promovendo a inclusión a través da música. CaixaSon demostra que a música pode ser unha ferramenta poderosa para a inclusión, o aprendizaxe e a transformación social. Grazas á participación activa a través da música, créase un contorno no que cada membro aporta a súa singularidade, enriquecendo o grupo e mostrando o potencial dunha sociedade realmente inclusiva.
A iniciativa forma parte do IKFEM Festival Tui-Valença, co apoio da Fundación “la Caixa”-BPI, e conta coa participación de 12 usuarios de catro entidades do terceiro sector de España e Portugal: Vontade, Diversidades Acolle, APPACDM e Universidade Sénior Rotary.
Este premio recoñece o labor de proxectos que promoven un Deseño Universal, creando espazos onde todas as persoas poidan desenvolverse de maneira cómoda e sen barreiras, sen importar a súa idade, xénero, nacionalidade, cultura ou capacidades.
O premio foi concedido pola asociación xaponesa International Association for Universal Design (IAUD), cuxa misión principal é contribuír ao desenvolvemento saudable da sociedade e mellorar o benestar da humanidade mediante a difusión e aplicación do Deseño Universal.
