James Rhodes
Detalles:
James Rhodes Piano Tour

James Rhodes, pianista e escritor británico afincado en España, transforma os concertos de música clásica en experiencias inclusivas e próximas, conectando ao público coa música e cos grandes compositores como Chopin, Brahms, Rachmaninov, entre outros.

A través da paixón e do enxeño, revolucionou o formato do concerto clásico e consolidouse como un dos principais divulgadores da música a nivel mundial. James Rhodes encaixa á perfección coa filosofía do festival, xa que empodera a música clásica como ferramenta de transformación, harmonía social e sanación.

Ademais, será a única cita en Galicia para gozar do seu recital. Duración do espectáculo: 75 minutos (sen intermedio)

 

Bio

O pianista e escritor James Rhodes converte o concerto clásico tradicional nunha auténtica experiencia inclusiva. O músico inglés, afincado felizmente en España, comparte nos seus concertos o seu amor e paixón pola música e consegue que cada persoa do público conecte con el e cos grandes compositores que presenta e interpreta. Rhodes é tamén un comunicador excepcional e único, que cunha combinación de enxeño e sentido do humor comparte coñecementos fascinantes e fai que temas serios, como a música clásica, sexan accesibles para todo o mundo.

“Nos meus concertos falo das pezas que interpreto, conto por que as escollín, que significan para min e en que contexto foron compostas.” Así explica James Rhodes como son os seus recitais no prólogo do seu libro Instrumental. Memorias de música, medicina e tolemia (13ª edición, máis de 150.000 exemplares vendidos), co que acadou un enorme e inesperado éxito a nivel mundial. Co obxectivo de sacudir o po que ás veces envolve este xénero musical, Rhodes ofrece unha mirada renovada e un formato de concerto totalmente revolucionario no contexto da música clásica.

O artista británico acuñou un tipo de recital propio e moi persoal, onde, ademais de tocar, contextualiza as obras que interpreta e conta no escenario a historia e apuntamentos biográficos dos compositores. Con estes concertos tan singulares, James Rhodes converteuse nun dos principais divulgadores da música clásica no mundo, grazas ás súas xiras e concertos en todo tipo de festivais e salas, así como a varios documentais sobre a súa figura realizados con cadeas de televisión británicas e españolas.

Carismático e cun enorme talento, James Rhodes cre profundamente no poder da música clásica: “Gustaríame, neste concerto, convidar ao público a fuxir un intre deste mundo cada vez máis tolo no que vivimos e recargar un pouco as pilas.”
Aclamado pola crítica por ter desenvolvido un estilo propio, Rhodes achega un toque moi persoal a cada unha das súas actuacións, ofrecendo unha experiencia musical en primeira persoa que rompe co halo de solemnidade que adoita envolver á música clásica, achegándoa ao gran público.

Programa: obras de Chopin, Brahms, Rachmaninov e máis
Duración do espectáculo: 75 minutos (sen intermedio)

Máis Artistas